Novas

O programa Vai de Praia empeza no Pino con trinta persoas anotadas para viaxar a Boiro



• Os seguintes martes de agosto visitarán os areais de canelas, San Francisco e Montalvo

• Cada participante debe colaborar con 10 euros cada dia


Unha trintena de veciños do Pino acudiron onte ás playas de Boiro para pasar un día de lecer grazas ao programa “Vai de Praia” que organiza a Concellaría de Cultura os martes de agosto, e que permitirá que toda a veciñanza do Pino que o desexe poida acudir a un dos excelentes areais cos que conta Galicia, aportando só 10 euros cada día que se participe neste programa.

Trala visita de onte a Boiro, as próximas viaxes programados son eo 14 de agosto á praia de Canelas, en Portonovo; o día 21 o destino será a Praia de San Francisco, en Muros; e o 28 de agosto á Praia de Montalvo, en Sanxenxo.

Os interesados deberán anotarse na Casa da Cultura ata o venres anterior a cada un dos días que desexen acudir á praia. Máis información no teléfono 981 511 065.



Exemplares de Asturias e Galicia no concurso de mellor galo piñeiro celebrado no Pino


• A tradición da festa de interese turístico e a mostra cabalar atrae a miles de veciños e visitantes
• Ovidio Rodeiro sinala no pregón que a aposta do Concello axudou a recuperar unha raza que funde as súas raíces na época celta
• O pregoeiro destaca que esta iniciativa e o Camiño ofrecen novas oportunidades de negocio á veciñanza
• Lara Paredes, de Moaña, e Germán Neira, do Corgo, presentaron os mellores exemplares vivos de galiña e galo piñeiro.
• Unhas 1.300 persoas asistiron ao xantar popular e esgotáronse os 400 quilos da degustación gratuíta


Milleiros de persoas, entre veciños, peregrinos e visitantes, desafiaron hoxe as altas temperaturas para gozar cunha das exaltacións gastronómicas de referencia en Galicia: a Festa do Galo Piñeiro, unha iniciativa do Concello do Pino que, segundo o pregoeiro Ovidio Rodeiro, permitiu recuperar unha raza autóctona que funde as súas raíces na época celta. Uns 60 exemplares de galiñas e galos piñeiros vivos de toda Galicia e tamén de Asturias participaron no concurso que, desde que se iniciou a festa, axudou a que esta especie estea presente hoxe cada vez en máis concellos e “represente, xunto co Camiño de Santiago, unha nova oportunidade de negocio para a veciñanza”, como sinalou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña.

Poñendo en valor a “aposta persoal do alcalde Manuel Taboada” no ano 1999, cando comezou a exaltación gastronómica do galo piñeiro, Ovidio Rodeiro recordou que hoxe a Consellería de Medio Rural conta con programas de promoción e protección das razas autóctonas en perigo de extinción, no que colaboran diferentes entidades e asociacións. “Entre todos conseguimos que non se perdan razas seculares da nosa terra en favor doutras foráneas de maior produción, e logramos que a vaca cachena, o porco celta, a galiña de Mos ou o galo Piñeiro non desaparezan das nosas granxas”, indicou Rodeiro.

Precisamente para promocionar esta especie e axudar a recuperar a raza, na Festa do Galo Piñeiro organiza todos os anos unha feira de galos e galiñas vivas e un concurso dotado con 550 euros, no que hoxe participaron 60 exemplares procedentes de diferentes concellos das provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e Asturias. Os gañadores deste ano chegaron de fora do Pino. Así, na de galo piñeiro os gañadores foron Lara Paredes Álvarez, de Domaio (Moaña), que recibeu 125 euros. O segundo premio foi para O Corgo (Lugo) a mans de Miguel Neira López (75 euros), e o terceiro quedou no Pino, na granxa de Lucas Magadán Martínez, da Salceda, O Pino (30 euros).

O mesmo ocorreu na categoría de galiñas piñeiras, que estivo dotado cos memos premios en metálico. Gañou o veciño do Corgo (Lugo), Germán Neira Arias; segundo quedou a moañesa Lara Paredes e, como terceiro repiteu Lucas Magadán.

Na categoría de galo de corral gañou Benjamín Camiño Blanco (de Negreira) e segunda quedou Carmen Álvarez Rosales, de Chapela (Redondela).

Ovidio Rodeiro recordou no seu pregón que hai lendas que vinculan aos galos e galiñas co Camiño de Santiago, que hoxe tamén conviven no Pino, última etapa do Camiño Francés a Compostela. Rodeiro recordou que o “impulso que dende a Xunta de Galicia, sobre todo a partir do Xacobeo de 1993, significou un pulo considerable para os pobos” que están na veira da ruta, como e o caso do Pino. “Un Camiño que, xunto coa boa xestión municipal, fai que hoxe O Pino sexa un concello vivo, en expansión, que atrae a novos veciños e veciñas e a novas oportunidades de negocio”, afirmou Rodeiro.




Xantar popular e degustación

Antes do pregón, as autoridades fixeron un percorrido pola X Feira Celta e o mercado, que esta fin de semana foi visitado por numerosas persoas, e puideron participar na degustación gratuíta de galiña e galo piñeiro, que esgotou as existencias, a pesares de que se reservaron 400 quilos de produto.

Ao igual que en anos anteriores, as entradas para participar no xantar popular acabaron esgotándose. Foron máis de 1.300 as persoas que degustaron empanada, polbo e, como non, galo piñeiro con patacas un menú elaborado polo restaurante A Magdalena de Castrofeito.




Mostra Cabalar e enganche de carruaxes

E mentres uns participaban na feira celta ou na feira de galos vivos, outros admiraban os centos de cabalos e égoas que participaron nos diferentes concursos da Mostra Cabalar, que durante todo o día se disputaron nos arredores da praza de Forcarei.

Este ano, como novidade, celebrouse no Pino a quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, que o propio Manuel Taboada e, Moncho Vázquez, representante da Federación Galega, aseguraron seguirá celebrándose no Pino coincidindo coa festa. Os gañadores en categoría limonera foron Diego Souto, Enrique Sierra e Emiliano González. En categoría tronco os mellores foron Carlos Otero e Manuel Mistal; e na categoría libre Tamara Abilleira e Cristina Corder levaron os primeiros premios.

Pola tarde, o espectáculo ‘Duende Ecuestre’ congregou a centros de afeccionados.


Autoridades asistentes

Entre autoridades asistentes a esta XVIII Festa do Galo Piñeiro, ademais do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, atopábanse o alcalde de Dodro, e os tenentes de alcaldes de Frades e Touro, así como representantes da Federación Galega de Hípica.



As aves rapaces, os artesáns e o mercado, principais atractivos da Feira Celta do Pino



• Pequenos e maiores sorprendidos coas exhibicións de voo dos voitres e aguias, ás que moitos ofrecen as súas mans para pousarse

• Moitos visitantes interesáronse polo cuñado de moedas medievais e por coñecer a utilidade dos cornos

• Mañá celébrase a Festa do Galo Piñeiro e a Mostra Cabalar, que congregará a milleiros de persoas



O voo das aves rapaces, entre as que había aguias e voitres, é un dos espectáculo que esperta máis admiración entre os visitantes da Feira Celta do Pino, que hoxe celebra a segunda xornada. Ata o punto de que moitos deles, sobre todos o máis novos, anímanse a coller o guante para que as aves se pousen nas súas mans.

A presenza de veciños e visitantes e constante na praza de Forcarei para contemplar os diferentes postos de artesanía e o traballo dalgúns dos artesáns presentes na Feira Celta. O ferreiro é un dos que xera maior expectación, sobre todo cando se pon a acuñar moedas medievais, ou cravos e outras figuras que, pese ao forte calor, fai en directo despois de poñer o ferro incandescente na súa forxa.

As tecedeiras de lá, elaborando diferentes pezas nun dos postos, ou ovellas en outro, tamén chama a atención de moitos visitantes, así como o traballo dos carpinteiros e do posto de tallado de cornos. Moitos peregrinos páranse a preguntar para que se utilizan estes típicos instrumentos celtas que, nuns casos, úsanse como instrumento sonoro e, noutros, como contedor de diferentes bebidas.

Unha das que máis traballo tivo dende que empezou a Feira Celta foi Alicia, a maga da compañía Kaskabella, á que se achegaron moitas nenas e nenos dispostos a escoitar os seus contacontos, xogar cos monicreques ou quedar sorprendidos cos seus xogos de maxia.

E entre os paseos das ocas, dos dromedarios e dos burros, que volven estar presentes na Feira Celta do Pino, outros dos animais que causaron sensacións contraditorias entre os visitantes son as dúas serpentes que pasearon pola feira os profesionais de El Batán, unha boa constritor que os acompaña dende hai 20 anos e unha pitón tigrina albino. Algunhas persoas animáronse a tocarlles, sobre todo a xente nova, mentres outros afastábanse destes animais.

Os músicos do grupo Rapax son os encargados de animar a feira coa súa música, percorrendo tamén a rúa do mercado, no que os visitantes atopan diferentes postos de artesanía con todo tipo de produtos, dende xoias ata sombreiros, produtos aromáticos, monecos ou diferentes alimentos.

Unha ampla oferta para que todos os que se acheguen este fin de semana ata a capital do Pino poidan gozar cun amplo programa de actividades. E para repoñer forzas, dous postos de comida no propio mercado.




Mañá, día grande coa Festa do Galo Piñeiro

Hoxe pola noite o espectáculo Quimera, no que a compañía de novo circo de Pablo Méndez mestura acrobacias, luz e música, servirá de aperitivo para o día grande da XIX Festa do Galo Piñeiro, que mañá, domingo, reunirá a milleiros de persoas en Pedrouzo.

Ademais de continuar o mercado e as diferentes exhibicións da Feira Celta, ás dez da mañá abrirase ao público a feira de galos e galiñas vivas de raza piñeira, na que se agardan máis de 30 parellas para competir polos premios aos mellores exemplares desta raza autóctona.

E a mesma hora (10.00), no recinto habilitado preto da praza de Forcarei, empezarán tamén as diferentes probas de exhibicións da Mostra Cabalar, na que participarán decenas de equinos, xinetes e propietarios que optan aos case 4.000 euros en premios.

Dúas exhibicións daranlle un realce especial a esta mostra. Ás 12.00 celébrase, por primeira vez no Pino, unha proba do Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, e, ás 18.30 horas, está previsto que empece o espectáculo Duende Ecuestre con diferentes exhibicións e mostras de habilidade. Como todos os anos outorgarase o Premio Especial Faísca ao mellor animal de pura raza española nado e criado e criado en Galicia, que, ademais, servirá para promocionar a mostra do ano que ven, xunto á do mellor galo piñeiro.



E, en paralelo, ao mediodía os xigantes e cabezudos da Asociación Cultural Espanada Gaiteiros e Cabezudos percorrerán as rúas de Pedrouzo e do mercado celta, á unha haberá unha degustación gratuíta de galo piñeiro nos postos habilitados para elo e, ás dúas, antes da entrega de premios, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, lerá o pregón desta XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar.

Aqueles que desexen participar mañá, domingo, na comida popular, deberán retirar as correspondentes invitacións no stand que o Concello ten habilitado na Feira Celta, a un prezo de 20 euros por comensal.

O Concello de O Pino organiza a XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar e a X Feira Celta, e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Agadic (Axencia Galega das Insutrias Culturais), Abanca e da empresa Balcone, que se encarga da coordinación da Feira Celta.

Podes ver o album de fotos da Feira Celta no Facebook do Concello, neste enlace.

O Pino engalánase para gozar coa Festa do Galo Piñeiro, mostra cabalar, Feira Celta e moita maxia



• O espectáculo ‘Quimera’, a noite do sábado, e os xigantes e cabezudos do domingo, novidades deste ano

• O mago Antón ofrece cinco sesións do seu espectáculo e haberá cinco exhibicións de voo de aves rapaces

• Degustación gratuíta o domingo e pregón a cargo de Ovidio Rodeiro, delegado da Xunta na Coruña

• O Concello reparte 4.500 euros en premios nos concursos da mostra cabalar e os mellores exemplares de galos vivos

A maxia dos artesáns, que conservan vivos antigos oficios, a do mago Antón, a dos xinetes que participan no espectáculo Duende Ecuestre ou esa visión da natureza que entrelaza soños e mitoloxía no espectáculo Quimera convivirán esta fin de semana no Pino coa Feira Celta, a mostra cabalar e a exaltación do Galo Piñeiro, que permitiu recuperar unha raza autóctona grazas ao traballo de moitos veciños. Para gozar cun amplo e variado programa as rúas de Pedrouzo estanse a engalanar para que milleiros de persoas poidan gozar dende o venres pola tarde ata o domingo. Pódese consultar o programa completo e de cada un dos eventos nos documentos adxuntos.

O venres, as seis da tarde, abrirase o mercado da Feira Celta na praza de Forcarei. Musica, contacontos, paseo de ocas ou a exhibición de voo das aves rapaces (haberá cinco ata o domingo) son algúns dos atractivos desta primeira xornada, que se pechará cun espectáculo de lume ao anoitecer. As ocas percorrerán o mercado celta o sábado as once da mañá, para iniciar unha xornada con todo tipo de actividades: pasarrúas musical, títeres, recreación de oficios, contacontos durante toda a xornada. Cando se poña o sol, na praza do Concello, unha visión máxica da natureza, na que os soños e a mitoloxía mestúranse e calquera ilusión poderá converterse en realizade durante a representación de Quimera. Este espectáculo de novo circo a cargo da compañía Pablo Méndez é unha das novidades do programa da Feira Celta este ano no Pino. A linguaxe musical e acrobática dos actores farán gozar ao público ata o final. O domingo, día grande da festa, os protagonistas serán os galos e galiñas piñeiras e os cabalos. A feira de galos vivos congregará dende ás 10.00 aos mellores exemplares da comarca. Unha iniciativa que permitiu recuperar unha raza autóctona e que hoxe supón unha reforzo para a economía de moitas familias. O Concello repartirá 550 euros en premios nesta feira.

E mentres a feira celta continúa co seu programa, preto da praza de Forcarei serán moitos os afeccionados e criadores de cabalos os que participarán no diferentes concursos da mostra cabalar durante todo o día, para os que o Concello destina 3.900 euros en premios. As 12.00 celebrarase a proba do campionato galego de enganches de carruaxes, e ás 18.30 está previsto o espectáculo Duende Ecuestre, no que se poderán contemplar exhibicións de fantasía andaluza, baile flamenco, garrocha, carrusell, doma de alta escola en rendas longas ou doma vaquera, entre outros.


Degustación, xigantes, cabezudos e o mago Antón

E mentres uns percorren os postos de artesanía ou asisten aos espectáculos ecuestres, outros poderán gozar e sorprenderse cos xigantes e cabezudos da Asociación Cultural Espanada Gaiteiros e Cabezudos, que dende as 12.00 percorrerán as rúas de Pedrouzo e tamén a Feira Celta, ata que ás 13.00 dé comezo a degustación gratuíta de galo piñeiro nos postos habilitados.

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, será o encargado de ler este ano o pregón, sobre as dúas da tarde, antes da entrega de premios aos gañadores da feira de galos e galiñas de raza piñeira, e do xantar popular.

Na sobremesa, ás 17.00 horas, o mago Antón ofrecerá o primeiro dos cinco espectáculos previstos. Será no escenario do seu propio camión, aparcado preto da praza de Forcarei. As sesións repetiranse ás seis, sete, oito e nove da tarde, para un máximo del 70 persoas en cada pase. Os que desexen asistir deberán retirar a invitación na carpa do Concello dende as 14.00 horas.

Este intenso fin de semana rematará coa entrega dos premios aos gañadores da mostra cabalar, prevista para ás oito, e coa actuación de Xilo e Carlos, que poñerán a música de fin de festa.

A XIX Festa do Galo de Corral e Mostra Cabalar e a X Feira Celta está organizada polo Concello do Pino en colaboración coa empresa Balconet e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Abanca.

Nenas e nenos de 4 a 13 anos poderán participar no PescaPino o 28 de xullo



O Concello do Pino organiza o domingo 28 de xullo o concurso Pescapino, dirixido a nenos de 4 a 13 anos que sexan afeccionados ou queiran iniciarse no deporte da pesca. O concurso celebrarase na área recreativa da Magdalena (Castrofeito) entre as 10.00 e ás 13.00 horas e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas cateogrías de benxamín (4-7 anos), alevín (8-10 anos) e infantil (11-13 anos).

O prazo de inscrición remata o martes, día 24, ás 14.00 horas. Os interesados en participar deberán anotarse na casa de cultura (981 511 065) ou no correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . O concello facilitará o material necesario a todos os participantes no concurso.

Con este concurso, o Concello do Pino quere resaltar os espazos naturais do concello. O ano pasado o concurso contou cunha trintena de participantes.

A entrega de trofeos do Pescapino 2018 farase a partir das 13.00 horas. As bases do concurso establecen que a clasificación farase, en primeiro lugar, polo número de pezas válidas capturadas (250 puntos por cada peza), e un punto adicional por cada gramo de peso acumulado das pezas. En caso de empate terase en conta o número total de pezas de cada concursante e a idade, primando aos pescadores de menor idade.

Nos arquivos adxuntos figuran tanto as bases do concurso como a folla de inscrición, que pode cubrirse e entregarse ou enviarse por correo electrónico á Concellaría de Cultura ( Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo )
Adxuntos:
ArquivoDescriciónTamaño
Descargar este adjunto (Bases_concurso_pescapino_2018.pdf)Bases do concurso PescaPino 2018 127 Kb
Descargar este adjunto (Inscricion_PescaPino_2018.pdf)Boletín de inscrición para PescaPino 2018 99 Kb

O Pino e Arzúa queren mellorar áreas de descanso do Camiño de Santiago cun obradoiro de emprego



Os alcaldes do Pino, Manuel Taboada Vigo, e o de Arzúa, José Luí García, asinaron esta mañá en Arca o convenio de colaboración para solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria o financiamento dun obradoiro de emprego conxunto que permita á formación de 20 persoas desempregadas e a posta en valor de puntos estratéxicos do Camiño Francés.

A proposta dos dous alcaldes é a de poder empezar co período de formación no vindeiro mes de setembro. As 20 persoas en situación de desemprego para os que está dirixida esta iniciativa formaríanse en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Durante o período de formación, que será de nove meses, acondicionarían áreas e espazos de descanso localizadas no Camiño de Santiago ou nas súas proximidades ao seu paso polos concellos de Arzúa e O Pino para poñer en valor puntos estratéxicos do percorrido do Camiño Francés. Na proposta contemplase, por exemplo, a ocultación dos contedores de lixo para mellorar o impacto visual nunha ruta que cada día percorren milleiros de peregrinos.

No caso do Pino as actuacións acometeranse na carballeira de Outeiro e na área de descanso de Lengüelle (San Breixo de Ferreiros), e nas áreas de descanso de Cerceda (San Miguel) e Santa Irene (Arca).

CONVOCATORIA E BASES PARA A CONCESIÓN DE BOLSAS A UNIVERSITARIOS/AS NO CURSO 2017/2018

O PRAZO REMATA O VINDEIRO 10 DE XULLO

XÚNTASE AS BASES REGULADORAS

Adxuntos:
ArquivoDescriciónTamaño
Descargar este adjunto (bases becas universitarios_signed.pdf)bases becas universitarios_signed.pdf 523 Kb

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS E PATRIMONIO HISTÓRICO

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES REMATA O VINDEIRO 11 DE XULLO

Xúntase bases e modelos de solicitude:

Adxuntos:
ArquivoDescriciónTamaño
Descargar este adjunto (bases cultura, deporte e patrimonio_signed.pdf)bases cultura, deporte e patrimonio_signed.pdf 261 Kb
Descargar este adjunto (Modelos solicitude.pdf)Modelos solicitude.pdf 751 Kb

Aberto o prazo de inscrición da Escola de Verán 2018

Abrese o prazo de inscrición da Escola de verán Concello de O Pino 2018 dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos (ambas idades incluídas) e con actividades variadas deportivas e culturais.

As quendas ofertadas serán as seguintes:

- Xuño. Do 25 ao 29

- Primeira quenda. Do 1 ao 15 de xullo.

- Segunda quenda. Do 16 ao 31 de xullo.

- Terceira quenda. Do 1 ao 15 de agosto.

- Cuarta quenda. Do 16 ao 31 de agosto.

- Setembro. Do 3 ao 7.

Este programa forma parte dos programas de conciliación familiar do Concello de O Pino e a partir do 7 de xuño xa se pode formalizar a inscrición na casa do Concello.

Podes descargar aquí as bases da Escola de Verán 2018, así como as fichas de inscrición e documento de pago para poder participar.

Máis información na Casa do Concello en horario de 9 a 14 horas.

Adxuntos:
ArquivoDescriciónTamaño
Descargar este adjunto (BASES_escola_veran_2018.pdf)Bases Escola de Verán 2018 514 Kb
Descargar este adjunto (Ficha_inscricion_EscolaVeran_2018.pdf)Ficha inscrición Escola de Verán 2018 526 Kb
Descargar este adjunto (PAGO_escola_veran_2018.pdf)Pago Escola Verán 2018 629 Kb
Estás en Novas

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information