Turismo

Camiño de Santiago

O Pino é o municipio galego que máis quilómetros posúe do Camiño Francés, concretamente 18, polo que discorren anualmente milleiros de peregrinos e peregrinas. A ruta pasa por cinco parroquias do municipio: San Breixo de Ferreiros, San Miguel de Cerceda, Arca, San Miguel de Pereira e Castrofeito.

Con Arzúa ás costas do camiñante, comeza o percorrido neste concello pola parroquia de San Breixo, en Ferreiros. O Camiño vai xogando con múltiples recunchos e estampas únicas en beleza, tinxidas de verde na súa ampla gama cromática e de tons terra. O camiño pasa polos lugares de Calzada, Calle ou Boavista.

A medida que se avanza no Camiño, agochados entre a vexetación, atópanse detalles que fan referencia ao culto xacobeo. Os míticos montóns de pedras, o solitario par de deportivos de bronce que recordan a figura de Guillerme Watt, peregrino belga que faleceu tan pronto como chegou a Compostela ou incluso o paso doutros camiñantes con pequenos altares naturais improvisados en calquera estante natural. Xunto a eles, caprichos da natureza como unha árbore situada cerca dunha fonte e que presenta ocos iguais nas dúas caras.

Dende San Breixo de Ferreiros, o Camiño mantén un constante zigzag co actual trazado da estrada nacional 547. Paso tras paso o camiñante alcanza o núcleo de Salceda, onde de novo se suceden panorámicas vexetais conxugadas de forma harmoniosa coas construcións que se distribúen nesta zona do concello.

Encamiñados cara ao Xen, situado a 400 metros de altura, crúzase varias veces a estrada para iniciar un descenso que leva á parroquia de San Miguel de Cerceda, e tras un pequeno descanso nunha curiosa área á esquerda co Camiño de Compostela, chégase a O Empalme.

O Camiño continúa ata Santa Irea, onde se sitúa a ermida que leva o mesmo nome, acompañada dunha fonte con augas supostamente curativas. Segundo a lenda, neste lugar foi sacrificada a santa que dá nome ao enclave. A ermida é unha edificación relixiosa sinxela, que atesoura no seu interior un interesante retablo e varias imaxes, entre outras, a de San Pedro e Santa Irea. Data da Idade Media e foi realizada grazas á doazón dunha parella de nobres que residían cerca, na coñecida antigamente como Aldea das Dúas Casas, hoxe tamén un dos puntos polos que discorre o Camiño Francés. Na parte inferior da capela está a mencionada fonte, onde antano existía unha fermosa imaxe de Santa Irea, que foi roubada.

Deixando atrás o templo, cruzando unha antiga estrada, atópase un impresionante carballal, escenario cada 29 de xuño da multitudinaria romaría de San Pedro.

De volta ao Camiño, e tamén en Santa Irea, a carón da nacional 547, encóntrase o primeiro dos albergues de O Pino. Ubícase no inmoble que nos seus tempos fixo as funcións de casa consistorial. Conta moi cerca cunha coidada área de descanso para os peregrinos e peregrinas que se pasean por estas terras. Continuando a ruta, pásase por diante dun serradoiro e tras pasar por fermosas sendas naturais, chégase a A Rúa, onde se sitúa unha histórica fonte. Este núcleo remóntase á Idade Media e segundo as crónicas, acolleu hai séculos un inmoble que facía ás veces de hospital para peregrinos e de rudimentario albergue.

Seguindo en descenso, crúzase un pequeno regato, e de novo chégase á estrada. Aquí existen dúas opcións para o peregrino/-a: unha, camiñar uns metros máis arriba pola propia estrada e descansar no albergue de Arca, ou dous, continuar de fronte, dende O Burgo, que é o nome do lugar onde está o camiñante, para seguir a ruta. O albergue inaugurado no ano 1993, ten capacidade para máis dun centenar de persoas. Dispón de cociña, salón con cheminea, lavandería, cabalerizas e un agradable pórtico.capacidade para máis dun centenar de persoas. Dispón de cociña, salón con cheminea, lavandería, cabalerizas e un agradable pórtico. A Ruta Xacobea dende o Burgo atópase delimitada de novo por árbores e arbustos. Liña verde para desembocar no Colexio Público Camiño de Santiago e que continúa, pasos despois, noutro bosque onde, segundo a historia, houbo varios castros. Son enclaves que recordan en certa medida aos xa vistos en San Breixo ou en Santa Irea (salvo que nesta ocasión cara á onde imos é cara ao núcleo coñecido como Santo Antón.)

Neste punto existía, hai séculos, unha capela que foi destruída por un incendio e da que toma o seu nome a aldea, que tamén pertence a Arca. Continúase ata chegar a San Miguel de Pereira, en Amenal e o percorrido segue por Cimadevila ata chegar ao aeroporto que Lavacolla que delimita a fin do Pino e o inicio das terras compostelás



MAPA

Ver Camino Francés a Santiago por O Pino en un mapa máis grande

PERFIL

Estás en Turismo

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information