Coñece O Pino

Xesús Cabanal Fuentes

Foi o mes de marzo de 1897 o que veu nacer a Xesús Canabal Fuentes. Viña ó mundo na parroquia de Pereira, no lugar de Amenal, unha aldea que naquela época tiña pouco máis de cen veciños. O noso protagonista veuse obrigado a emigrar con tan só 13 anos, en 1910. O seu destino: Bos Aires. Ós poucos anos Xesús comeza a traballar nunha empresa dedicada á papelería, que se chamaba Casa Iturrat. No seu tempo de lecer, achegábase e pasaba horas nos locais de asociacións galegas, numerosísimas na capital bonaerense. De feito, en 1914, participa na fundación da “Agrupación Artista Galega de Bos Aires”.


Con tan só 21 anos noméano xerente da empresa Iturrat e envíano á delegación de Urugai. A recesión internacional conlevou unha crise no mercado do papel trala primeira guerra mundial, co cal se cerrou esta sucursal de Montevideo. Entón Canabal, nun exercicio de ousadía, decide non saír da profesión e funda unha pequena empresa. Cos seus irmáns José, que xa estaba en Bos Aires, e con Andrés, que aínda vivía en O Pino, abren a empresa “Jesús Canabal y Hermanos, Fábrica de Sobres”. A sociedade comezou a fabricar un sobre co nome de Suevia. En 1921 amplían a empresa coa compra da papelería de Jaime Bech, situada nunha céntrica zona de Montevideo. Refórzanse ademais coa chegada doutro irmán, Manuel. A radiografía do ano 1925 amósanos unha empresa con varios locais e 40 traballadores. O seu éxito radica na difusión de sobres e as fusións e ampliacións de capital. Un dos momentos clave chega no ano 1937, cando Xesús Canabal decide crear unha fábrica de papel. Chámase “Industria Papelera Uruguaia Sociedade Anónima” (IPUSA). A firma chegou a cubrir practicamente todo o territorio nacional. Perante a gran demanda, os irmáns deciden construír na cidade de Pando, no departamento de Canelones, no ano 1948, unha nova fábrica que deu traballo a máis de 100 persoas e supuxo un investimento de máis de catro millóns de pesos da época. Un feito que tamén incidiu, e moito, no desenvolvemento  económico desta zona interior de Uruguai.


Ó parecer, no seu despacho de Ipusa, Xesús Canabal tiña as estanterías cheas de libros galegos, nas paredes cadros de artistas galegos, como por exemplo algún dedicado de Luís Seoane. Na súa mesa descansaban os sobres fabricados pola súa próspera empresa, xunto a un debuxo da Catedral e da Cruz de Santiago.

Ademais da súa importante faceta empresarial, Canabal nunca deixou de lado a súa dedicación ás  asociacións galegas. Participou na maioría das agrupacións e institucións da colectividade galega en Uruguai. Na década dos anos 20  súmase á creación dos primeiros grupos galeguistas, de forma paralela ó movemento nacionalista que se forxaba en Bos Aires.

No medio destas correntes figuraban personaxes como Xulio Siguenza, Crestar, Arturo Carril, o doutor Mosquera... Ante a sublevación de Franco no 36, en Uruguai realízanse importantes campañas de solidariedade coa España Republicana. Está Canabal en primeira liña. Tres anos despois, coa fin da Guerra Civil, comezan a chegar os exiliados. Entre eles Xerardo Díaz, Luis Villaverde, Luis Tobío, Alfredo Somoza...  

No ano 1940, Bos Aires acolle a fundación das famosas “Irmandades Galegas”. Castelao cría que, ó non haber democracia en España, os partidos políticos non tiñan valor. Polo tanto, era preciso crear unha entidade patriótica, que aglutinase a toda a oposición galeguista. No medio de todo isto, terminou a Segunda Guerra Mundial. A oposición, baixo bandeira republicana, preparouse para a marcha de Franco. Por iso Castelao cre necesario fundar o “Consello de Galicia”. O escenario foi Montevideo, e o ano, 1945.

Tratábase do primeiro goberno galego no exilio. Comeza así unha relación moito máis constante entre Canabal e Castelao, este último presidente do Consello de Galiza. Nunha das súas viaxes, con motivo da celebración do noveno aniversario do Estatuto Galego, Castelao visita Ipusa. Un feito que foi reflectido  en “A Nosa Terra”. A crónica dicía “ Foron invitados os membros do Consello a visitar a gran fábrica de papel que os irmáns Canabal posúen nas aforas de Montevideo. Un establecemento industrial modelo, que pon de manifesto a capacidade creadora dos galegos, co que sería a nosa Terra, se houbera liberdade nela para que os seus fillos poideran desenvolver todas as súas enerxías e iniciativas, tendo que emigrar para poder demostrar a súa capacidade, enriquecendo así, os países onde emigran. Os Canabal, dinastía de galegos do Uruguai, que gozan de moito prestixio e estimazón, polo seu don de xentes e pola xenerosidade, fixeron de “cicerone” mostrando todas as instalacións, vendo o proceso de fabricación do papel desde o máis sinxelo ó máis complexo”.

En 1950 Canabal participa na fundación do histórico programa radiofónico “Sempre en Galicia”, en Radio Carve de Montevideo. Con el estaban outros emigrantes como Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Luís Tobío, Emilio Pita, Pedro Couceiro e Manuel Leiras. Ademais, na axenda de Canabal figuraba tamén  o seu posto de directivo da “Casa de Galicia da Asociación Española de Socorros Mutuos”. En 1956 foi nomeado presidente do primeiro Congreso da Emigración Galega, no que participaron os dirixentes máis destacados do exilio. Entre eles Ramón Suárez Picallo, Alonso Ríos, Xosé Neira Vilas, Luis Tobío ou Marcial Fernández.

Un día sinalado, o 25 de xullo do ano 1956, o  noso veciño funda o “Banco de Galicia”, unha das entidades financeiras máis importantes de Uruguai. Ano e medio máis tarde, o 27 de xaneiro de 1958, o Banco de Galicia inaugura a súa primeira sucursal na céntrica Avenida 18 de Julio. Canabal bautiza a esta sucursal co nome de “A Coruña” coa idea de poñer ós novos locais bancarios os distintos nomes das cidades máis importantes de Galicia. No seu discurso Canabal dixo “Non é común sentir no curso da vida, unha satisfacción da natureza que se experimenta ó intervir nun acto da trascendencia e significado que ten éste”.

En 1959 por iniciativa de IPUSA,  créase a “Sociedade de Celulosas do Uruguai, S.A.” para fomentar a produción de madeira deste país. No ano 1985 a empresa facturaba un millón de dólares ó mes, en concepto de fabricación propia e exportacións a Arxentina e Paraguai.

Canabal, Castelao e MeilánNo capítulo de súa vida comprometida, cabe destacar as viaxes que Canabal realiza nas décadas dos anos 50 e 60 a Europa. Tiñan carácter comercial pero Canabal aproveitábaas para levar a cabo tarefas patrióticas e tamén para visitar, de vez en cando, a súa terra natal. Nestas ocasións adoitaba levar documentos e instruccións ós galeguistas do interior, dirixidos por Piñeiro, e co seu centro de operacións na “Editorial Galaxia”. Tamén nesta época Canabal entrevístase en varias ocasións con César Alvajar, periodista de gran prestixio republicano, residente en París, onde representaba ó Consello de Galicia. El era o encargado das relacións do nacionalismo galego co goberno republicano no exilio. Xesús e César tiñan moitas cousas en común. Eran liberais, formaban parte da masonería e caéronse ben.

Renovouse o goberno republicano no exilio. Galicia estivo representada por Castelao, nos años 1946 e 1947. César Alvajar quería que de novo o  Consello de Galicia tivese un representante neste novo executivo. Sondeou ós republicanos máis influíntes, utilizou os seus vínculos coa masonería, moi poderosa e pensa no seu amigo Canabal como candidato, posto que gozaba ademais de gran prestixio entre os emigrantes de Río da Prata. Empresario, presidente do Banco de Galicia, liberal e masón. En plenas negociacións, Canabal visita París, Austria, Alemaña e Suíza. É alleo ás presións de César Alvajar e de Ramón Suárez Picallo para que finalmente fose nomeado oficialmente ministro do goberno no exilio. Sorpréndese, e alega que é incompatible coa presidencia do seu banco. A pesar de todo acepta a designación como Ministro da República no Exilio. O seu mandato durou de maio de 1956 a febreiro de 1962. O presidente era o xeneral Emilio Herrera. Xesús Canabal era ministro delegado.

Canabal, activista durante toda a  súa vida en prol da colectividade galega, falecía o 29 de agosto de 1985. Recibíu unha homenaxe por parte do Padroado da Cultura Gallega de Montevideo ó ano do seu falecemento. Nese acto o secretario da entidade recitou “galego...sempre galego. Xesús foi o mellor representante dun pobo sufrido, laborioso, formiga do traballo duro, pai dadivoso, marido exemplar, amigo fiel, xefe comprensivo, sorriso decote nos beizos, man aberta disposta ó abrazo sincero ou ó saúdo entrañable...”. O escritor Manuel Suárez Suárez sinalou: “Sen doenza ningunha, paseniño, sen decatarse, foise ó alén tan como sempre vivira neste mundo. Foise envolto na súa proverbial humildade que eternamente fará de Xesús Canabal un perfecto exemplo de galego bo e xeneroso”.



Estás en Coñece O Pino

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information