Coñece O Pino

Espiritada de Gonzar

Misterio, relixión e historia mestúranse ó redor da  figura de Josefa de la Torre. Para moitos unha santa e para algúns un caso científico. Para todos, unha persoa de interese. As crónicas din que estivo corenta anos sen comer, só tomaba a eucaristía unha vez ó mes. Convivíu con espías, bágoas e fe. Enterrada con honores de santa, Josefa levou con ela os motivos e a verdade. Hoxe en día, en O Pino perduran estudos e vellas historias sobre unha muller coñecida como a “espiritada” de Gonzar.

Josefa de la Torre era filla de Xoán da Torre e María Neto. Naceu o 11 de novembro de 1773 na parroquia de Gastrar. Foi educada polo seu tío, cura de Santa Mariña de Gastrar. Con el vivíu ata os 16 anos, cando ela e os seus pais se trasladan á parroquia de Santa Baia de Vigo. Tanto por parte do seu tío como dos seus proxenitores,  incúlcaselle unha gran vocación relixiosa. De feito, un dos sacerdotes que a acompaña durante a súa posterior e particular enfermidade, chegou a sinalar que Josefa “se observó desde sus más tiernos años muy inclinada a todo ejercicio de piedad y virtud. Antes de llegar a la pubertad huía de todos aquellos juegos pueriles a los que naturalmente son adictos los niños. Llegados a los 12-14 años, tiempo en el que ordinariamente se desarrollan las pasiones, fue vista más retirada de las ocasiones del mundo”.

Na parroquia de Gonzar vivíu sete anos. Alí coñece a Roque Tojo e casa con el ós 23 anos. Asentáronse no propio Gonzar e tiveron catro fillos: Matías, Manuela, e dúas xemelgas. Unha  morreu e á outra chamáronlle Josefa. Pero a fatalidade cebouse con ela e Josefa queda viúva con tres fillos ós 30 anos.

O día crucial foi en novembro do ano 1806. Xusto cando Josefa cumpría 33 anos. Certo día o seu sogro anúncialle a chegada dos malladores. Ela intenta convencelo para pospoñer as tarefas agrícolas, perante un inminente temporal que prevía. Pero o seu sogro, impaciente porque xa tiña a xente avisada, non fai caso das súas recomendacións. Ó día seguinte, Josefa meteuse na cociña para preparar a comida dos traballadores. A media mañá, cos homes en plena faena, o ceo  escureceuse e comezou a chover moi forte. Josefa levaba un bo anaco perante a cociña, suando por mor da alta temperatura da estancia. Sen medir as consecuencias, saíu do fogar para auxiliar ós traballadores. Neste momento un calafrío percórrea. Ó parecer, unha conxestión violenta do cerebro e espasmos nas vísceras. A teoría indica que o carácter destes ataques foi puramente nervioso. A causa: a impresión do frío e a humidade sobre o sistema de innervación.

Corenta e oito horas durou o ataque. Un mes despois, Josefa exponse ó frío de decembro. A consecuencia foi o que se coñece como “inchazón universal” ou anasarca. Continuaron os martirios e ó cabo de dúas semanas, con moi pouco tacto,  comunícanlle o falecemento da súa nai. Regresaron os ataques, nesta ocasión perante a mirada do seu fillo maior, de 10 anos. Os membros  paralizáronselle e Josefa  quedou cega. Por se todo isto fose pouco, tamén sufriu unha gastrite. A inchazón aumentou e en febreiro de 1808 rompe por distintas partes, formando chagas das que manaban líquidos. Pasaron os días e cicatrizaron todas as feridas menos unha chaga situada onde as costas perden o seu casto nome, que tiña ademais moita profundidade. Ó estar nunha mesma postura, únese e carnifícase a parte anterior das coxas co baixo ventre. Algúns estudosos incluso definiron a Josefa como unha momia en vida.

E así pasa o tempo. Josefa só fala co seu confesor, José Jacinto del Río, convencido de que vive sen alimento. O mesmo pensan os párrocos Antonio Mercado e Jacinto Cernada. Descártase a priori o posible beneficio económico, xa que a situación da familia é folgada e non aceptaban donativos de ninguén.

Aínda así, xorden dúbidas no seo da Igrexa. Un dos seus representantes chega a un acordo cunha criada de Josefa para que a vixie, a cambio dunha xenerosa retribución. Esta muller descubríu algo curioso: cando os demais durmían, Josefa erguíase, sentaba a carón do lume e  peiteábase. Logo volvía á súa cama.

Pasan os meses e incluso os anos. O arcebispo Rafael de Vélez quere trasladala a Santiago para examinala con detenemento. Pero Josefa reacciona con cólera. Declarou: “Mientras viva, permitidme reposar en mi casa y reservad para después de mi muerte el deshacer mi cuerpo para estudiarlo”. Ante esta reacción, a Igrexa cambia de táctica. Foron despedidos os criados, sendo tres benedictinos e un cura os encargados de vixiar á enferma. Ordenaron que non se acendese o  lume e que ninguén se achegase a Josefa. Como era de esperar, a vixilancia transcorriu sen novidades. Estiveron 17 días e logo desistiron.

No ano 1838 José Varela de Montes, membro da Escola Médica Compostelá (catedrático de Fisioloxía), publica “Historia de la enferma de Gonzar”. No libro explica que a espiritada ó principio comía, pero como non era quen de que a comida se lle quedase no corpo, deixou de facelo. Trinta anos despois de aquel primeiro ataque, Varela de Montes describe a Josefa. Di que a súa cara seguía chea e sen a cor desagradable da extenuación. Engade que a súa respiración é lenta e que está case cega. Asegura tamén que o seu oído é regular, o olfato escaso, o tacto case nulo e cada vez que se movía emitía unha queixa. Segundo Varela de Montes, Josefa só se alteraba cando ía demasiado frío ou calor. Bieito Lareu, cura de Gonzar, nun escrito do ano 1837, dicía que “es cierto que algunas veces llora, porque se le ve verter alguna lágrima. Comulga el primer domingo de cada mes”.

Varela de Montes resaltou tamén que o corpo de Josefa non necesita repoñer o que non gasta: a falta total de urina, saliva, excrementos, mucosa e suor. Un corpo que, a xuízo de diferentes testemuños, entre eles o do Capitán do Reximento de Castela, Vicente Vázquez Varela, mantense igual. A cara, sen engurras, cunha cute tersa e branca; o cabelo negro e poboado. Todo cando Josefa contaba xa con 65 anos, trinta deles sen supostamente probar alimento. A morte visitouna finalmente no ano 1848.

Foron moitas as historias que durante esas catro décadas e trala morte de Josefa circularon tanto por Gonzar como por todo o Concello de O Pino. De feito, algúns dicían que era Nosa Señora quen lavaba a Josefa, que sempre estaba limpa.

Dende a morte desta enigmática muller ata que recibiu sepultura pasaron cinco días. O funeral foi tan multitudinario, había tanta xente que quería vela, que romperon a pía bautismal de cantería da Igrexa de Santa María de Gonzar. A tumba xamais foi aberta. Nin sequera cando hai varios anos se reemprazou o vello chan de madeira por lousas. Josefa repousa nun lugar de honor: debaixo do altar de Nosa Señora do Carme. Por certo que entre os moitos rumores sobre a espiritada tamén se di que no Pazo Arcebispal, en Compostela, hai unha chave para abrir a sepultura. Incluso se chegou a comentar que algún cura a abriu e que veu o corpo de Josefa incorrupto, tal e como se enterrou.

Hoxe, século e medio despois da morte de Josefa, non quedan descendentes directos vivos. Tivo tres netos que faleceron antes de cumprir o ano e medio de vida.

Significativas son, neste punto, as supostas declaracións que realizou a súa sobriña a Manuel Riveiro, que foi párroco en Gonzar: contoulle que no cadáver de Josefa apareceran, trala autopsia, restos de papas de millo no estómago.


Estás en Coñece O Pino

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information