Historia

Evolución Histórica:

En tempos do Antigo Réxime, O Pino pertencía á Provincia de Santiago, aínda que  con certas peculiaridades, como veremos máis adiante. Trala promulgación da Constitución de 1812, pasa a integrarse na Provincia única de Galicia. Posteriormente, cando Galicia se divide en catro provincias, promúlganse dous reais decretos, un en 1822 e outro en 1833, que sitúan ó concello dentro da Provincia da Coruña, á que segue pertencendo.

Previamente, en 1820, a Deputación distribuíu o territorio en partidos xudiciais. Nun principio O Pino incluíuse no de Sar. A súa nomenclatura era a de Concello de San Vicenzo do Pino. Máis tarde, cunha nova distribución en 1834, pasamos a formar parte do partido xudicial de Arzúa. Houbo un cambio ó de Santiago en 1965, pero tan só durou 23 anos, xa que a Lei 38/1988 do 28 de decembro pasa de novo O Pino ó partido xudicial de Arzúa.

Nun principio, a comezos do século XIX, cando se promulgan os actuais concellos consititucionais, O Pino non tiña as parroquias que ten agora. Naquel momento eran: Sabugueiro, Pino, Carballal, Castrofeito, Ferreiros (San Breixo), Ferreiros (San Mamede), Beseño, Dodro, Pastor, Oines, Medín, Gonzar, Lardeiros, Cesar, Barciela e Budiño. No Antigo Réxime, O Pino tiña varias parroquias dependentes de seis xurisdiccións. Eran as de Bendaña, Budiño, Cira, Medín, Mesía, Pastor e Lardeiros, todas na provincia de Santiago. A distribución era a seguinte:

Xurisdicción
Parroquia
Señorío
Bendaña Arca Rvdo. Arcebispo de Santiago
Id. Castrofeito id.
Id. Pereira Id.
Budiño Budiño Conde de Altamira
Id. S. Breixo (Ferreiros) Id.
Id. S. Mamede (Ferreiros) Id.
Id. Pino Id.
Cira Cebreiro Id.
Medín Medin D. Diego Leis Riobó e D. Juan Domínguez
Mesía Cerceda Rvdo. Arcebispo de Stgo
Id. Gonzar Id.
Pastor y Lardeiros Lardeiros Marqués de Bóveda y D. Manuel Saco.
Id. Pastor Marqués de Bóveda

Se nos situamos no ano 1836, atopamos xa unha distribución similar á que se manten hoxe en día. O 15 de xuño de ese mesmo ano aparecía no BOPCO, no seu número 138, a composición por parroquias do Concello de San Vicente do Pino. Era a seguinte:

Parroquias
Nº de Veciños
Nº de Almas
Pino (San Vicente) 55 259
Arca (Santa Eulalia) 112 560
Pereira (San Miguel) 49 250
Castrofeito (Santa María) 54 260
Gonzar (Santa María) 118 520
Budiño (Santa María) 75 388
Medín (San Esteban) 52 286
Lardeiros (San Julián) 61 357
Pastor (San Lorenzo) 63 323
Cerceda (San Miguel) 38 180
Ferreiros (San Verísimo) 77 371
Ferreiros (San Mamed) 61 308
Cebreiro (San Julián) 36 180
  TOTAL: 851 4.242

Non se produciron variacións posteriores na composición do concello. Si houbo un acordo da Deputación da Coruña en marzo de 1842, sobre a supresión de municipios, no que O Pino teóricamente desaparecería e as súas parroquias distribuiríanse entre Arzúa e o suposto novo concello de Loxo. Un acordo que, á vista está, non chegou a facerse realidade.

Sobre a capital municipal, as citas históricas varían. O Madoz indícanos que o concello celebra as súas sesións na freguesía de San Vicenzo do Pino. O Carreras, di que a capital se atopa en Santa Irea, pertencente á parroquia de Arca. Nos diferentes Nomenclátors figuran como capitais: A Igrexa (desde 1.860), Santa Irea (desde 1900) e Pedrouzo. Neste último enclave permaneceu varios anos no inmoble ubicado diante do albergue de peregrinos para, na década dos 70, pasar ó edificio actual.

Legado Foráneo

A emigración foi tamén unha constante no Concello de O Pino durante a primeira metade do século XIX. Foron moitas as familias que viron como un fillo, pai, nai, neto... maleta en man, encamiñaba os seus pasos, océano de por medio, a terras latinoamericanas. Tres destinos principais: Cuba, Uruguai e Bos Aires. No recordo de tantas e tantas persoas, unha constante: o seu lugar de orixe. De aí que unha das súas preocupacións, unha vez establecidos, fose a de intentar mellorar a calidade de vida dos seus familiares e veciños.


Grazas a esas arelas, hoxe chégannos algunhas testemuñas patrimoniais. Obras que se realizaron en virtude das xenerosas aportacións que naquela época se rexistraron. Un dos casos máis emblemáticos é a escola construída por Francisco García Naveiro na parroquia do Pino. De comezos do século XX é tamén unha fermosa fonte, próxima ó  centro educativo. Está dedicada ó pai de Francisco García, Antonio García e ten unha imaxe de Santo Antonio. Non moi lonxe, álzase maxestuoso o Pazo do Marqués de Monte Sacro.

Destaca tamén a escola que un grupo de persoas coas súas aportacións levantaron na parroquia de Castrofeito. Os impulsores foron os irmáns Ramón e José Beis Sada. O edificio data do ano 1929. Localízase moi preto da estrada que se dirixe de Santiago a Curtis (apenas un par de quilómetros tras deixar atrás a rotonda do aeroporto de Lavacolla).


Escudo e selo do Concello de O Pino

Na búsqueda de antecedentes en relación a posibles armas usadas polo Ayuntamiento de El Pino, segundo un proxecto de escudo de armas para o mesmo escriben:
“Según a sección de Silografía e serie de improntas de selos Municipais do Arquivo Histórico Nacional consérvanse acompañadas de oficio de remisión firmado polo entón Alcalde D. José Ferro, o 11 de outubro de 1876, os correspondentes a diversos selos que utilizaran ata entón o Municipio e a Alcaldía para autentificar os documentos. O selo con pino embrancado dunha soa copa sobre terrasa vense utilizando dende 1845, data que debía estar moi próxima á creación do Concello tal e como existe na actualidade. O seu termo foi creado pola agregación de parte do que corresponde á antiga xurisdicción de Budiño, que engadía as Feligresías de Budiño, Ferreiros e O Pino, sumándolle as Feligresías de Pastor e Lardeiros.”

En cumprimento dunha R. O de Fomento, do 30 de agosto de 1876, o Gobernador Civil de Coruña remiteulle ó Xefe de A.H.N a 24 de setembro de 1877, as contestacións recibidas dos alcaldes da súa provincia sobre os selos que usaran ou viñan usando na súa historia.

O alcalde de O Pino, o 11 de outubro de 1876 dille ó Gobernador que lle remite estampados no adxunto “midio pliego” de papel os selos deste concello. Xunta de 1ª ensinanza e alcaldía, que se usaron ata a data (os dous primeiros neste distrito, e o último que se usará no sucesivo). Aparte veñen os tres selos.

O primeiro é o selo que se ten usado e foi adquirido en 1845.


O segundo non se precisa con exactitude, aínda que probablemente o seu uso sexa a partir do 1853 ou 1854.

SELLO

Na actualidade o escudo reflicte unha árbore, ó igual que os selos municipais. Neste último epígrafe axúdanos a historia, remontándonos ó 30 de agosto do ano 1876.

 

Nome do Concello de O Pino

Non está claro aínda a orixe do nome do Concello de O Pino. Hai varios anos un grupo de investigadores da Asociación Cultural Chaira, con sede en Arca, asinaron un interesante artigo no número 4 da súa revista, Chaira Escribe. Nel intentaban explicar a orixe do termo O Pino, facendo referencias ó escudo municipal, no que aparece un pino. Según este grupo de investigadores, durante moito tempo creuse que O Pino era unha tradución do castelán El Pino, algo incorrecto, porque en galego sería o piñeiro.


En galego, a palabra “pino” posúe varios significados:

  • Punto máis alto ó que chega ó sol, o cénit.
  • Empinado, vertical.
  • Auxe, punto culminante.
  • Saínte ou entrante dun leiro noutro colindante.
  • Posición vertical do corpo coa cabeza cara a abaixo.
  • Xogo infantil.
  • Racimo.

Incluso se podería pensar cunha forma de pino relacionada cos populares penedos. É probable que esta forma ou o significado “empinado” son os que máis próximos estean á orixe do nome do concello.

Estás en Coñece O Pino Historia

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y ofrecerle una mejor experiencia en la web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información. Para ver más información sobre las cookies haz clik aquí.

Aceptas las cookies de nuestra web.

EU Cookie Directive Module Information